presidente dos Estados Unidos de América de 1977 a 1981 From Wikipedia, the free encyclopedia
James Earl "Jimmy" Carter, Junior, nado en Plains (Xeorxia) o 1 de outubro de 1924, é un político estadounidense do Partido Demócrata. Foi presidente dos Estados Unidos de América (1977-1981), gobernador do estado de Xeorxia (1971-1975) e senador na Asemblea Xeral de Xeorxia (1962-1966). Carter recibiu o Premio Nobel da Paz en 2002, galardoado polos seus esforzos infatigables para atopar solucións pacíficas aos conflitos internacionais, por impulsar a democracia e os dereitos humanos, e por fomentar o desenvolvemento económico e político dos pobos.
O seu mandato estivo marcado por importantes éxitos en política exterior, como os tratados sobre a Canle de Panamá, os Acordos de paz de Camp David (tratado de paz entre Exipto e Israel), o tratado SALT II coa URSS e o establecemento de relacións diplomáticas coa República Popular da China. En política interior, o seu goberno creou os ministerios de enerxía e educación e reforzou a lexislación sobre protección ambiental.
Desde que abandonou a Casa Branca, dedicouse a un labor de mediación en conflitos internacionais e a pór o seu prestixio ao servizo de causas humanitarias. En 2002, recibiu o Premio Nobel da Paz e distinguiuse en literatura, sendo autor de numerosos libros.
Carter foi o maior de catro irmáns. Os seus pais, James Earl Carter e Bessie Lillian Gordy, eran granxeiros e baptistas practicantes. Foi o primeiro presidente estadounidense en vir ao mundo nun hospital. A súa infancia pasouna na localidade próxima de Archery.
Desde unha idade moi temperá, Carter demostrou ser un alumno avantaxado ao que lle gustaba a lectura. Máis adiante, foi admitido na universidade Georgia Southwestern College, e licenciouse en Ciencias na Academia Naval dos Estados Unidos en 1946, ano en que contraeu matrimonio con Rosalynn Smith. Carter licenciouse no posto 59 dos 820 alumnos da súa promoción. Posteriormente, cursou física nuclear e tecnoloxía do reactor no Union College, aínda que non chegou completar eses estudos.
Carter foi destinado aos submarinos do océano Atlántico e do Pacífico e pronto foi escollido polo almirante Hyman Rickover para participar no programa de submarinos nucleares. A pesar de que a súa intención era facer carreira na mariña, á morte do seu pai en 1953 dimitiu das súas responsabilidades militares para encargarse do negocio familiar de cacahuetes, no seu pobo natal.
Por outra banda, desde moi novo mostrou un profundo sentimento cristián, impartindo clases de catequeses durante a súa carreira política. El mesmo manifestou que Xesucristo marcou a súa vida; de feito, durante o seu mandato presidencial rezaba varias veces ao día.
Jimmy Carter comezou a súa carreira política con postos modestos en órganos locais como a comisión escolar de Plains. Porén, pronto lograría progresar: en 1962 foi elixido para o Senado de Xeorxia e dous anos despois obtivo a reelección para un segundo mandato.
En 1966 decidiu presentarse candidato para a Cámara de Representantes dos Estados Unidos. Cando viu que o seu adversario do Partido Republicano abandonou a pugna polo escano para presentar a súa candidatura a Gobernador de Xeorxia, Carter resolveu facer o mesmo. Perdeu a elección e regresou ao negocio dos cacahuetes, aínda que pasou os seguintes catro anos preparando a súa candidatura para volver presentarse a gobernador en 1970.
En 1970 logrou o nomeamento do Partido Demócrata e venceu nas eleccións a gobernador ao republicano Hal Suit. No seu discurso inaugural, en 1971, Carter sorprendeu aos xeorxianos e ao resto do país cunha alegación en contra da discriminación racial, o cal resultaba chocante nunha contorna (o sur estadounidense) na que aínda imperaba a segregación entre brancos e negros. Precisamente, entre as súas primeiras actuacións como gobernador estivo a de situar a moitos negros en importantes cargos administrativos.
A lexislación xeorxiana impedía a Carter presentarse a un segundo mandato tras a finalización do primeiro, en 1975, polo que cando abandonou o cargo concentrou os seus esforzos na carreira presidencial. Cando entrou nas primarias presidenciais do Partido Demócrata en 1976, moitos consideraron que contaba con moi poucas posibilidades fronte a outros candidatos máis coñecidos a nivel nacional. Con todo, o escándalo Watergate aínda estaba recente na memoria dos electores, polo que o feito de non pertencer á clase política de Washington supuña unha vantaxe para Carter. A posta en práctica dunha estratexia intelixente permitiulle gañar o nomeamento do Partido Demócrata á presidencia dos Estados Unidos.
Na campaña electoral, Carter comezou cunha importante vantaxe nas sondaxes sobre o presidente republicano Gerald Ford, en parte porque o indulto deste a Nixon fora moi impopular. Porén, Ford foi aos poucos recurtando as distancias, xa que o electorado seguía mostrando as súas dúbidas ante un candidato tan pouco coñecido como Carter. Finalmente, Carter resultou vencedor nas eleccións do 2 de novembro de 1976, co 50,1% dos votos (Ford obtivo o 48%). Así, converteuse no primeiro candidato do Sur Profundo en ser elixido presidente desde 1848.
Jimmy Carter desempeñou un papel fundamental na mediación dos Acordos de Camp David, que foron negociados durante o seu mandato, en 1978. Os acordos, que involucraban a Exipto e a Israel, marcaron a primeira vez que un país árabe recoñecía a Israel. Asemade, estableceron as bases para o Tratado de Paz entre Israel e Exipto de 1979, un logro até entón inédito na diplomacia do Oriente Medio. A habilidade de Carter para xuntar ao presidente Anwar el-Sadat e ao primeiro ministro Menachem Begin e lograr un acordo onde moitos outros fracasaran é vista como un dos seus maiores logros presidenciais.[1]
Durante o seu mandato, Carter a política internacional foi un dos eidos máis presentes. O Tratado SALT II coa URSS foi un dos puntos culminantes da súa administración, buscando limitar as armas nucleares a un nivel sen precedentes. A pesar de non ser ratificado polo Senado debido ao inicio da guerra de Afganistán (1978-1992), o tratado marcou un fito nas relacións da guerra fría.[2]
Nese contexto, Carter foi determinante no inicio do financiamento estadounidense aos muxahidíns en Afganistán, un movemento que moitos cren que contribuíu á eventual desestabilización da rexión e ao emerxer dos talibán. Con todo, mentres que a iniciativa para apoiar aos muxahidíns afgáns comezou durante o mandato de Carter, a verdadeira expansión e escalada do programa (operation Cyclone) ocorreu principalmente baixo a administración Reagan.[3][4] Antes da invasión soviética de Afganistán en 1979, a administración de Jimmy Carter xa comezara a considerar o apoio aos mujahidines como parte dunha estratexia para contrarrestar a influencia soviética na rexión. A administración de Carter iniciou o apoio aos muxahidíns en Afganistán en xullo de 1979, varios meses antes da invasión soviética en decembro dese ano, como parte dunha estratexia para contrarrestar a influencia soviética na rexión. Segundo Zbigniew Brzezinski, asesor de Seguridade Nacional, e Robert Gates, da CIA, esta axuda pretendía ser unha táctica preventiva, non unha resposta á súa invasión.[5][6]
O seu mandato tamén foi significativo para as relacións con China, onde normalizou completamente as relacións diplomáticas en 1979, unha acción que alterou permanentemente o equilibrio xeopolítico entre o oriente e occidente.[7]
Despois de deixar a presidencia, Carter fundou o Centro Carter, que se converteu nunha plataforma influente para a mediación internacional en múltiples conflitos e observación en procesos electorais ao redor do mundo, promovendo a democracia e os dereitos humanos.[8]
Durante a pandemia de COVID-19, Jimmy Carter, con 96 anos, xunto con outros expresidentes, participou nunha campaña destinada a fomentar a confianza nas vacinas e promover a vacinación masiva.[9]
Predecesor: Gerald Ford |
Presidente dos Estados Unidos de América 1977–1981 |
Sucesor: Ronald Wilson Reagan |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.